Roupa tendida

É un espectáculo de narración oral que procura afondar na literatura de tradición oral. Contar hoxe os contos de onte permítenos reflexionar sobre as nosas crenzas, observalas coa perspectiva do tempo, contalas desde a visión daquelas pequenas que se fixeron grandes e cuestionaron unha e outra vez o papel das silenciadas, das subversivas, das que non tiveron voz.

As maiores da casa contan que cando eran cativas coma vós, ao caer da noite, a xente sentaba arredor do lume para contar historias. Para as pequenas aquel era o mellor momento do día, pero por unhas ou por outras sempre remataban por botalas do cuarto.

Aínda así, algunha delas tentaba agocharse para poder escoitar os contos e logo contarllos ás outras. Iso si, cando alguén se decataba de que unha cativa andaba por alí, pronunciaba a frase maldita “ten conta que hai roupa estendida”.

A cativa agochada ao escoitar aquel enunciado sabía que rematara a diversión e resignada saía do seu acubillo. Co tempo aquelas pequenas foron reconstruíndo anacos de historias e se vos achegades pódovolas contar.