É o primeiro espectáculo de Xarope Tulú dirixido ao público a partir de catorce anos ou adulto.
De ti… pretendeu ser un humilde percorrido pola obra da poeta, tradutora e editora Xela Arias, unha viaxe que nada ten de cronolóxica pero moito de persoal. Revoltas pola palabra achegámonos excitadas á súa obra, posuídas por esa escrita extrema que remove pel e ósos. Aparece entón a dúbida, o medo ao non estar á altura de semellante extremidade, a de Xela, a dos extremos. Pero nese xusto momento o poema tranquilízanos:
Realízate
no traballo
e acouga
a intención
da sabotaxe.
Pois a relixión destroza
Principio preciso e libertario.
Intempériome (2003)
De ti e mailo mundo que apañes é un espectáculo dirixido á mocidade que combina a narración oral con outras linguaxes escénicas. Esta proposta tenta facer un breve percorrido pola obra da poeta Xela Arias, sumerxíndonos tanto na súa poesía como na súa breve pero interesante obra narrativa. Xela, a poeta que ten máis de actual que de histórica.
A poesía sempre é temeridade, incendio.
Xela Arias