Berenguela na gaiola

Todo o mundo podía reclamar para si a condición de neno.

Manuel María

 

Sinopse

Nunha residencia da Terceira Idade traen de volta a Berenguela, unha anciá que aproveita para fuxir en canto pode. Quere volver á súa casa na aldea, onde sempre viviu, onde é feliz. Berenguela protesta, rosma, funga, ata que a súa amiga Aurora consegue acougala. Aurora é outra anciá prisioneira, unha anciá que non lembra ben quen é, así que pode ser o que ela queira. Na mesma residencia está Tomás, que pasa o día mirando pola xanela, cismando nas súas cousas, triste e gris.

Berenguela propón unha revolta, que se volvan salvaxes e perigosas, pero Aurora suxire que fagan no teatro o que non lles deixarían facer na realidade. Cre lembrar que foi actriz e que hai unha peza co nome de Berenguela. Berenguela coñece a peza, por iso leva o seu nome. As dúas enredan a Tomás e Tomás déixase enredar. No teatro atopan a liberdade que cren perdida, a posibilidade de cambiar o mundo, ou, polo menos, o seu mundo.

Así comeza a representación da peza: “Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela”, onde cadaquén escolle o personaxe que quere representar. Irán entrando e saíndo das escenas, debatendo, interrompendo o desenvolvemento da peza, xogando coma nese pasado que crían esquecido porque aconteceu moitos, moitos anos atrás, na ilusión da nenez.

Ficha artística

Interpretación: Alba Bermúdez, Tone Martínez e Atenea García
Caracterización: Lorena Calvo
Vestiario: As Dúas e Punto
Espazo sonoro: Xavier Bértolo
Escenografía: Nicolás Zamorano
Deseño de iluminación: Nacho Martín
Dramaturxia e dirección: Paula Carballeira, baseado na obra de Manuel María
Fotografía, vídeo e deseño gráfico: Sol Álvarez