A compañía

Xarope Tulú é unha compañía adicada ás artes escénicas que nace coa intención de especializarse nos espectáculos dirixidos ao público familiar. Fundada no ano 2015 pola actriz Atenea García e polo músico e escenógrafo Nicolás Zamorano, as súas propostas intentan achegar entre si as diferentes linguaxes escénicas: a interpretación, a narración oral ou o teatro de monicreques intentando deste xeito non aferrarse a un único estilo interpretativo.

A compañía conta cunha traxectoria creativa bastante diversa; desde Nómades, espectáculo coproducido pola Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas onde as artes do movemento tiñan unha presenza esencial, á montaxe Rilla-Rilla que é un espectáculo en formato concurso sobre a lingua galega que continúa xirando polo noso país, ou Bichocas e Corochas, espectáculos de menor formato adicados á primeira infancia.

No ano 2021 deciden ampliar o rango de idade para o que viñan creando e estrearon De ti e mailo mundo que apañes, primeiro espectáculo da compañía adicado ao público a partir dos 14 anos e baseado na obra poética de Xela Arias.

A compañía ten participado en diversas programacións como as Didácticas de Compostela, os espazos Apego ou en diversos festivais como a MITFCF, o FIOT de Carballo, o Festiclown, o Festival Atlántica, o Sete Falares, o Titirideza ou a Feira de Teatro de bonecos e formas animadas de Fafe (Portugal).

No ano 2023 Xarope Tulú coproduce xunto a ONG Asemblea de Cooperación pola Paz o espectáculo de monicreques A teteira de Kabul, co que foi nomeado a mellor espectáculo de monicreques aos Premios de Teatro María Casares 2024.

No ano 2025 estrean o espectáculo para primeira infancia Meco e sono en colaboración coa artista Xiana Arias e coproducen xunto á compañía Galeatro o espectáculo Berenguela na gaiola, premiada no IV Certame Manuel María de Proxectos Teatrais na súa 4ª edición.